O recoñecido psicólogo e xerontólogo combina no seu libro a experiencia persoal do coidado da súa nai cunha fonda reflexión sobre o valor social dos coidados
A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, ATEGAL, inaugurou hoxe oficialmente no auditorio ABANCA de Santiago o curso 2025/2026 coa presentación do libro Cando os volcáns envellecen, a cargo do seu autor, o recoñecido psicólogo e xerontólogo Javier Yanguas.
O autor, unha das voces máis respectadas no ámbito do envellecemento e da dependencia en España, aborda con sensibilidade e lucidez os vínculos entre quen precisa coidados —“eses volcáns que envelleceron”— e as persoas que os acompañan. Porque, ao seu xuízo, “o xeito no que tratamos as persoas maiores revela a sociedade que somos”.
Aínda que Yanguas comparte no seu libro a historia persoal do coidado da súa nai durante nove anos xunto coa súa irmá, aclara que “o libro non é unha autobiografía”. “Si nace dunha experiencia persoal, pero esa experiencia está novelada. Cosina con historias doutros coidadores e coidadoras”. A vivencia do coidado da súa nai levouno a reflexionar sobre a complexidade do coidado e sobre o pouco que, como sociedade, escoitamos a quen o exerce.
Os valores do coidado
Máis alá do relato persoal, Yanguas propón unha reflexión colectiva sobre como tratamos a vellez e os coidados na nosa sociedade. “O xeito no que tratamos as persoas maiores revela se somos acolledores ou excluíntes, se somos compasivos ou indiferentes”, sinalou. Para o autor, o coidado encerra valores fundamentais —“a reciprocidade, o compromiso, a responsabilidade e a renuncia do propio polo común”— que deberían guiar unha sociedade sa.
Yanguas denuncia tamén a desigualdade que persiste na repartición dos coidados: “O peso recae nas familias, sobre todo nas mulleres. Os homes entramos no coidado dos nosos fillos, pero non no dos nosos pais”. E reclama que o coidado se converta nunha prioridade social: “Cando vexo que España está á cola en investimento en coidados, penso que non entendemos que é unha das áreas fundamentais do futuro”.
En Cando os volcáns envellecen, Yanguas ofrece unha historia profundamente humana, mais tamén unha proposta ética e social. “Quixen contar a historia dunha coidadora e da súa nai, pero tamén a de todos aqueles que non poden falar. Unha historia persoal para entender os sentimentos, e colectiva para comprender o que significa coidar e valoralo na súa xusta medida.”
“Con este libro, Javier Yanguas convídanos a mirar o coidado non como unha carga, senón como un acto esencial de humanidade e unha oportunidade para repensar o tipo de sociedade que queremos ser”, destacou Paula Sande, directora de ATEGAL, con relación a presentación da obra.
Sobre o título do libro
Yanguas explicou durante o acto que o título do libro xurdiu dun achado fortuíto durante unha estadía en Lanzarote: “Vin un cartel que dicía ‘cando envellecen os volcáns’ e explicaba que perden a forma, que ninguén os recoñece, que a lava xa non sae… Daquela decateime de que todos somos volcáns: acabamos pasando desapercibidos, pero seguimos sendo o volcán que fomos.”

