Ferrol convértese en capital sénior de Galicia por un día

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir
Ferrol acolleu o venres 24 de novembro o encontro anual das Aulas Senior de Galicia. Alumnos e alumnas de todo o territorio visitaron a cidade para gozar do encontro anual de ATEGAL, que leva máis de 45 anos traballando pola formación permanente e lecer dos adultos de máis de 55 anos. Con máis de 1.000 socios por toda Galicia, elixiron Ferrol como epicentro deste evento tan especial para a asociación. E nel adiantaron algunhas das últimas novidades do curso como a implantación da Intelixencia Artificial nas rutinas diarias, a divulgación dos coñecementos que posúe o alumnado a través de TikTok ou as excursións que compartirán durante este curso. Na sala, expuxeron unha colección de pinturas elaboradas en distintos talleres interxeracionais, todas elas cunha mensaxe en contra o idadismo. O acto arrincou ás 12:00 horas, coa chegada de autobuses desde Vigo, Ourense, Padrón, Santiago de Compostela e A Coruña. Paula Sande, directora das Aulas Senior de Galicia expresou no discurso de inauguración: “Estamos a vivir unha auténtica revolución prateada, e os maiores cada vez reclaman máis espazo na nosa sociedade”. Neste encontro puideron gozar dun relatorio a cargo da especialista Estefanía Zardoya, que abordou o envellecemento activo e como un espazo como ATEGAL contribúe a iso.
O broche final do acto púxoo a actuación musical de “Só Elas”. Tras unha comida en familia, as distintas aulas visitaron algúns dos puntos máis rechamantes de Ferrol.

Nas redes