Ourense celebra as súas XXI Xornadas Interxeracionais

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

As Aulas Senior de Galicia (ATEGAL) celebran unha nova edición  das Xornadas Interxeracionais de Ourense. Un evento co que potenciar a interacción entre persoas de distintas xeracións a través do intercambio de experiencias de ocio, na procura dun aprendizaxe cooperativo que rompa cos estereotipos de idade. Para a organización da actividade, que se estende durante toda a xornada de hoxe no campus universitario, contan coa colaboración do alumnado de Educación Social e Traballo Social coa participación de usuarios da residencia DomusVi, Down Ourense, ADO e alumnado de diferentes ciclos do CIFP Portovello.

XXI Xornadas Interxeneracionais de Ourense

As xornadas comezaron na Praza Maior coa lectura do Manifesto en favor das relacións interxeracionais, redactado por alumnado de Educación Social. A continuación, os mozos e mozas da universidade ensinaron aos participantes os xogos da súa infancia. Pola tarde, tras a comida campestre celebrada no campus, tócalles a quenda ao alumnado de ATEGAL de converterse en monitores, dando a coñecer os xogos tradicionais dos anos 50, 60 e 70.

A actividade reúne en Ourense a persoas de distintas idades para compartir experiencias vitais, recuperar xogos tradicionais da cultura galega e crear lazos interpersoais que demostran que as distintas xeracións teñen moito en común. Así mesmo, o proxecto contribúe á integración da universidade na vida social ourensá.

Coa organización de xornadas como esta, ATEGAL busca favorecer o papel activo dos maiores na nosa sociedade. Obténse unha maior visibilidade ao talento e as aportacións en coñecementos e experiencia que ofrece este colectivo, e que en moitas ocasións son pasadas por alto. Conseguen así un grande beneficio para as persoas maiores, que gañan en autoestima e sentimentos de positividade así como na evasión do illamento e a soidade non desexada. Pola súa banda, os mozos conseguen un aprendizaxe de alto interese así como un maior desenvolvemento de valores sociais como a solidariedade e a tolerancia.

Nas redes