Desde hoxe, as persoas senior de Galicia teñen un espazo dixital especialmente pensado para elas onde poderán consultar as actividades ocupacionais, culturais e de ocio, ademais doutros recursos útiles e de interese. A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL) vén de publicar a súa nova APP, na que recolle as diferentes actividades e recursos que pon a disposición das persoas usuarias. A aplicación, que xa está dispoñible para IOS, tamén se poderá descargar en Android a partir de mañá, 31 de decembro.
A través desta aplicación, que conta coa financiación da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, as persoas maiores de 55 anos poderán consultar comodamente desde o móbil as actividades que ofrece ATEGAL. Poderán facelo filtrando os resultados por día, por cidade ou por área temática – cultural, ocupacional, saúde e ocio –. Esta ferramenta está dispoñible para as poboacións galegas onde a asociación ten sede: Vigo, A Coruña, Ferrol, Monterroso, Santiago, Padrón, Ourense e Lalín.
Xunto á descrición das actividades, tamén está dispoñible o contacto da entidade organizadora. Deste xeito, non só se está a crear un calendario senón un repositorio que facilita a comunicación das persoas usuarias coa entidade, para a resolución de dúbidas e ampliación de informacións.
Con esta ferramenta, ATEGAL buscaba crear un espazo de recollida de recursos asistenciais, informativos e de consulta que ten en conta as necesidades e intereses específicos das persoas maiores. Por iso, ademais das súas propias iniciativas, inclúese unha relación de entidades e organismos que poidan ser de utilidade para as persoas senior. Cada entrada – entre as que xa se atopan universidades de maiores e entidades sociais, asistenciais e culturais como Afaga ou Afundación – inclúe unha pequena descrición e unha forma de contacto coa entidade.
Tras a saída da aplicación, que é totalmente gratuíta para os usuarios, ATEGAL non deixa de traballar na ampliación dos recursos dispoñibles. O obxectivo é ir engadindo nova información e recursos para que, nunha soa aplicación móbil, as persoas usuarias teñan a compilación das mesmas e poidan contactar con elas con tan só un clic.


