ATEGAL Ourense celebrou o xoves, 16 de abril, unha nova edición das Xornadas Interxeracionais na cidade das Burgas. Estas actividades, organizadas en colaboración co alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, teñen como obxectivo fomentar o intercambio de experiencias e o encontro entre persoas de distintas xeracións, creando un espazo de conexións e aprendizaxe interpersoal e de loita contra os prexuízos idadistas.
Como xa é tradición, a actividade comezaba na Praza Maior coa lectura do manifesto en favor das relacións interxeracionais. Documento elaborado polo alumnado de Educación Social que pon o foco na invisibilización das persoas maiores e no cuestionamento das
súas capacidades, recalcando a necesidade de romper con este tipo de comportamentos: “As persoas maiores non son pasado: son presente activo e memoria viva”.
Continuou a xornada no Campus Universitario de Ourense, onde os asistentes puideron participar en distintas actividades lúdicas. Alumnos de Traballo Social presentaron aos maiores os xogos da súa infancia e mais os que empregan actualmente nos
campamentos. Na xornada da tarde, foron as persoas maiores as encargadas de dar mostra dos xogos cos que medraron; como a comba, o truco ou os zancos.
Como novidade, ATEGAL tamén ensinou como é unha clase de Baile e movemento nas Aulas Senior. A profesora de baile de ATEGAL Ourense, Milena Plata, guiou aos participantes para aprender a coreografía que están a preparar, que despois interpretaron todos xuntos.
Este ano sumáronse ao evento os usuarios de ATEGAL Santiago, dando mostra da unidade que existe entre os distintos centros da entidade. Participaron tamén nas actividades Aspanas, Down Ourense e CIFP Portovello.







