ATEGAL, inaugurou hoxe oficialmente o curso 2026/2027 cunha xornada no hotel Attica21 da Coruña centrada no papel da tecnoloxía na mellora da calidade de vida das persoas maiores. O encontro combinou unha reflexión sobre a importancia de situar as persoas no centro da innovación cunha presentación práctica de diferentes recursos tecnolóxicos destinados a favorecer a autonomía, a comunicación, a seguridade e as relacións sociais.
A apertura do acto correu a cargo do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, e o presidente de Ategal, Ángel Fagilde.
A conferencia inaugural «Tecnoloxía con alma: conectando persoas, creando comunidade», foi impartida por Trini de Lorenzo, responsable de proxectos da Unidade de Innovación Social de Cruz Vermella en Galicia. A intervención puxo o foco no potencial das novas tecnoloxías para reforzar os vínculos humanos, facilitar a participación social das persoas maiores e contribuír á construción de comunidades máis conectadas.
Unha tecnoloxía que achega, respecta e constrúe
Durante a súa intervención, Trini de Lorenzo articulou a súa reflexión arredor de tres ideas fundamentais: unha tecnoloxía con alma achega, respecta e constrúe. “Achega, porque facilita o contacto con familiares, amizades e persoas da contorna; respecta, porque debe adaptarse ás necesidades, capacidades e ritmos de cada persoa, sen crear novas barreiras nin substituír a atención presencial; e constrúe, porque pode fortalecer as redes de apoio, fomentar a participación e contribuír a crear comunidade”.
A conferencia abordou tamén a necesidade de combater o idadismo e a fenda dixital, recoñecendo as persoas maiores como protagonistas activas da sociedade, con experiencia, coñecementos e capacidade para contribuír ao intercambio entre xeracións.
Neste contexto, presentáronse diferentes iniciativas de Cruz Vermella, entre elas o Centro Multicanal de Acompañamento na Soidade. Estes recursos amosan como a innovación tecnolóxica, acompañada por profesionais e persoas voluntarias, pode favorecer a autonomía, paliar o illamento social, mellorar a calidade de vida e facilitar que as persoas permanezan nos seus fogares con maior seguridade.
A sesión deixou unha idea central: a tecnoloxía debe estar ao servizo das persoas. O seu valor non reside unicamente nos dispositivos, senón na súa capacidade para facilitar relacións significativas, promover un trato respectuoso e contribuír a crear contornas máis inclusivas.
Solucións tecnolóxicas para a autonomía e o benestar
A xornada completouse cunha sesión práctica na que as persoas asistentes puideron coñecer diferentes recursos tecnolóxicos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Entre as propostas presentadas houbo asistentes virtuais, ferramentas de intelixencia artificial, solucións de comunicación accesible, teleasistencia e realidade virtual, da man das entidades Cruz Vermella, Fundación Tecsos, ADOC, Carelife Solutions, a Universidade da Coruña (UDC), Balidea e a USC-CITIUS.
Esta actividade permitiu achegarse ás posibilidades da innovación tecnolóxica no ámbito do envellecemento, así como intercambiar experiencias sobre o seu papel no fomento da autonomía, a participación social e o benestar das persoas maiores.


