O voluntariado sénior: talento, experiencia e compromiso ao servizo da comunidade

En Ategal, o voluntariado sénior é unha forma de seguir participando na sociedade, compartir coñecementos e poñer a experiencia de toda unha vida ao servizo da comunidade.

Con este obxectivo nace o Programa de Voluntariado Sénior Comunitario de Ategal, unha iniciativa financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, que promove a solidariedade, a participación social e o envellecemento activo.

O voluntariado en Ategal desenvólvese a través de dúas vías de colaboración. Por unha banda, persoas que participan directamente nas Aulas Sénior de Ategal, compartindo os seus coñecementos e impartindo diferentes actividades formativas como profesores voluntarios. Por outra, colaboran en accións solidarias e iniciativas comunitarias a través de Ategal e xunto a outras entidades, como a Asociación Española Contra o Cancro ou o Banco de Alimentos.

Historias que poñen rostro ao voluntariado

No marco deste programa de voluntariado, levamos a cabo unha campaña de visibilización na que algún dos voluntarios comparten as súas experiencias e achegan diferentes maneiras de entender e vivir o voluntariado sénior.

  • Eva: compartir a paixón pola literatura e a cultura

Eva é profesora voluntaria de literatura en Ategal e tamén participa nas visitas culturais organizadas desde as Aulas. Un exemplo é a visita á Casa-Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, na que se encarga de achegar os seus coñecementos e acompañar o grupo nesta experiencia cultural.

  • Manuela: participar e colaborar en diferentes iniciativas

Manuela é alumna de Ategal e participa con nós en múltiples accións de voluntariado. A súa experiencia representa esa participación activa das persoas maiores que, ademais de formar parte das nosas Aulas, deciden implicarse e colaborar en diferentes iniciativas.

  • Majo: transmitir a creatividade a través da arte

Majo é profesora voluntaria de debuxo e pintura nas Aulas Sénior. No seu testemuño fálanos da súa experiencia como voluntaria e do que significa compartir os seus coñecementos artísticos con outras persoas, facendo da aprendizaxe e da creatividade un espazo de encontro.

  • Sole: o significado de ser voluntaria

Para Sole, o voluntariado ten un significado especial. No seu vídeo comparte o que representa para ela colaborar con Ategal, achegándonos á dimensión máis persoal desta experiencia e ao valor de sentirse parte dun proxecto colectivo.

  • Luisa: un voluntariado que enche de enerxía e satisfacción

Luisa é alumna e voluntaria en Ategal Santiago. A través do seu testemuño explícanos como esta participación a enche de enerxía e satisfacción, demostrando que o voluntariado tamén é unha fonte de motivación, benestar e enriquecemento persoal.

  • Luis: colaboración e participación nas Aulas de Vigo

Luis cóntanos como desenvolve o seu labor voluntario nas Aulas Sénior de Vigo, amosando a importancia da implicación das propias persoas participantes na vida e no funcionamento da comunidade educativa.

  • Cecilia: compartir coñecementos e descubrir o patrimonio natural

Cecilia é voluntaria en Ategal e, nunha das actividades realizadas no Xardín Botánico Artístico de Padrón, comparte os seus coñecementos sobre a Cyca revoluta, unha das especies de árbores que se poden atopar neste espazo. Unha experiencia que pon en valor a transmisión de coñecementos e o intercambio de experiencias en contornas culturais e naturais.

  • Victoria: achegar a historia e a arte á comunidade

Victoria é profesora voluntaria de Historia e Historia da Arte. No seu testemuño achéganos ao patrimonio de Santiago de Compostela a través das súas famosas gárgolas: explícanos que son, que elementos aparecen representados nelas e onde podemos atopar as principais. Unha forma de compartir coñecementos e contribuír a descubrir e valorar o patrimonio que nos rodea.

Facebook
Twitter
LinkedIn
WhatsApp
Email
Imprimir

Nas redes